|
vb2doravazquez.html
Xavier Rodríguez-Barrio (Lugo, 1956), está considerado un dos autores máis
destacados da literatura galega actual. É especialista en linguaxe xurídica e
administrativa, e dende hai máis de vinte anos é funcionario tradutor e
coordinador de Normalización Lingüística da Deputación de Lugo.
Leva obtido máis de trinta premios literarios de entre
os máis prestixiosos que se convocan en Galicia, estando en posesión da Medalla
de Ouro do Patronato "Rosalía de Castro" (Vilagarcía de Arousa, 1975) e do
Premio "Guimaraes" de Portugal, en 1973. No ámbito español, foi finalista do
Premio Nacional de Poesía e obtivo o Premio Nacional da Crítica Española en
1992.
Como poeta deuse a coñecer en 1973 co libro Pranto
irmán, ao que seguiron Antífona da redención, que foi "Premio
Galicia" en 1977, e Herdo e alucinación en Fisterra, publicado na
Editorial Akal de Madrid en 1981.
Posteriormente publica, en 1985, Os laberintos da
xerfa (Ed. Galaxia, Col. Ronsel nº 6) Premio "Celso Emilio Ferreiro" de Vigo
en 1984; Os aposentos silenciados, Accésit do Premio Esquío en 1986;
Celebración do gozo, Premio Esquío en 1988; Alba no muro, premio
"Eusebio Lorenzo Baleirón" en 1990; a antoloxía Torre para os días,
volume que recolle unha selección da súa obra e un CD con poemas na voz do
autor, editado en 1992; e Colección de oráculos, que recibiu o Premio
"Cidade de Betanzos" en 1995.
O seu libro Antiga claridade (Ed. Galaxia, Col.
Dombate nº 19) marcou un fito na poesía galega actual obtendo o Premio "Martín
Codax", de Vigo, e foi finalista do Premio Nacional de Poesía e gañador do
Premio Nacional da Crítica Española en 1992.
A súa obra figura recollida en diversas antoloxías
españolas, e poemas seus foron traducidos ao francés, ao inglés e ao ruso.
Como narrador publicou, entre outros, Chegaron as
chuvias que foi Premio "Pedrón de Ouro" en 1977 (Ed. do Castro,1978) e os
relatos Última viaxe escura (S. Publicacións DPL, 1997).
No campo da investigación literaria editou en 1998 o
libro Trobar sobre a poesía medieval galega; e obtivo o Premio de Ensaio
da Universidade de Santiago, en 1974, polo seu estudo sobre a obra do escritor e
filósofo galego Xohán Vicente Viqueira Cortón.
Está considerado como un dos máis recoñecidos
recitadores de Galicia e como tal leva realizado multitude de traballos
audiovisuais para a televisión e a radio e deu máis dun cento de recitais e
conferencias por toda Galicia, así como en Madrid, Barcelona e Portugal. En 1994
creou xunto co músico Luciano Pérez o proxecto e montaxe poético-musical "O son
da poesía" labor pioneiro co que deron numerosos recitais con textos de
escritores galegos clásicos e contemporáneos.
|