Darío Xohán Cabana


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2darioxohancabana.html

     Nacín en Roás (Terra Cha de Lugo) o 19 de abril de 1952. Son fillo de labradores pobres. A xente máis vella da miña familia, tanto da paterna coma da materna, pertenceu á Frente Popular, e eu crieime e procuro vivir dentro do ideal comunista, que era o de meu pai; desde o 1968 milito, mellor ou peor, na esquerda nacionalista que pretende unha república independente e socialista pra Galicia.
     Cursei o Bacharelato en Lugo; en 1970 marchei pra Vigo, onde vivín cinco anos, traballando con Xosé María Álvarez Blázquez nas Edicións Castrelos. Xosé María foi pra min a Universidade, e creo que non saín perdendo no cambio. Con el aprendín a amar, entre outras moitas cousas, a poesía galega medieval e a historia vella e nova do meu país. Os outros meus grandes mestres foron e son Manuel María e Méndez Ferrín.
     En 1974 casei cunha rapaza de Bueu, vila mariñeira da Ría de Pontevedra. Temos unha filla de 27 anos e un fillo de 21.
     En 1975 volvín pra Lugo, onde botei catro anos traballando como vendedor de libros a domicilio. En 1978 fun liberado pola Central sindical nacionalista, e nela traballei deica 1982. En 1983 tiven que marchar pra Corcubión (Costa da Morte, Coruña), onde botei cerca de catro anos como garda municipal. Despois, tendo opositado outra vez con éxito, volvín pra Lugo como funcionario deste concello, nun posto diferente (dentro da escala operaria). Teño colaborado bastante en prensa, e desde 1987 fago diariamente un crucigrama galego pra LA VOZ DE GALICIA. Vivo na parroquia de Romeán, a dez quilómetros de Lugo.
     Durante moitos anos publiquei case exclusivamente poesía. A partir de 1984 adeiqueime intensamente á traducción de poetas italianos —traduccións en verso que respectan rigorosamente a métrica e a rima dos orixinais—. Pola de A Divina Comedia fun galardoado co Premio Otero Pedrayo en Galicia; e o Concello de Florencia outorgoume a súa Medalla de Ouro, considerando a miña traducción como «la più pregevole della dantesca Commedia finora disponibile in area galego-portoghese-brasiliana». A traducción da Vida nova recibiu o premio Ramón Cabanillas. Aínda inédita está unha Antoloxía do Dolce Stil Novo, formada e traducida hai xa bastantes anos. Ocasionalmente teño traducido tamén poemas franceses e cataláns, e recentemente publiquei unha versión de Os Tres Mosqueteiros, que se a memoria non me engana foi a primeira novela que lin, aló cando tiña nove anos.
     A partir de 1989 publiquei principalmente narrativa, con certo éxito de crítica, e principalmente de público; a novela Galván en Saor vai na duodécima edición, con máis de 40.000 exemplares vendidos. Sen embargo, o favor do público parece terme abandonado coas dúas últimas novelas, O cervo na torre e Morte de rei, que ó meu parecer son as mellores.

[23 de maio do 2002]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega