Animal / Vacío

 

[Texto íntegro]

 

v9pisonanimalvacio


Animal / Vacío é un epitafio ao ser humano, un espectáculo de sangue e frío para un público exquisito que non poderá permanecer sentado porque a vida non ten cu.



NOIVO
O óvulo fecundado adhírese ao útero.
Establécense os caracteres do embrión.

O embrión mide un centímetro.
Aprécianse os agromos das mans e dos pés.

Fórmanse os órganos principais.
O embrión adquire forma humana.

Aparece o reflexo mamario.
O cerebro transmite mensaxes.

O feto acada os vinte centímetros.
Xira no líquido amniótico.

Manifesta o reflexo prénsil.
Reaxe aos estímulos externos.

A pel vólvese rosada e lisa.
O feto abre os ollos.

Practica o reflexo mamario.
Sorrí.

Encaixa na pelve da nai.
Vén ao mundo.

NOIVA
Outra vez.

NOIVO
O óvulo fecundado adhírese ao útero.

NOIVA
Outro grito.

NOIVO
Establécense os caracteres do embrión.

NOIVA
Outra muller.

NOIVO
Fórmanse os órganos principais.

NOIVA
Invadida do mundo.

NOIVO
O embrión adquire forma humana.

NOIVA
A aloumiñar o ventre.

NOIVO
O cerebro transmite mensaxes.

NOIVA
Coas uñas vivas.

NOIVO
O feto manifesta o reflexo prénsil.

NOIVA
A muller lambe as uñas.

NOIVO
Abre os ollos.

NOIVA
Arranca os peitos.

NOIVO
Sorrí.

NOIVA
Non son unha muller.

NOIVO
Encaixa na pelve da nai.

NOIVA
Non quero aleitar o mundo.

NOIVO
Vén ao mundo.

NOIVA
O leite es ti.

NOIVO
O óvulo fecundado adhírese ao mundo.

NOIVA
Meu amor.

NOIVO
Fórmanse os órganos principais.

NOIVA
Soño con estas uñas.

NOIVO
O embrión adquire forma humana.

NOIVA
A atravesarche os pulmóns.

NOIVO
O cerebro transmite mensaxes.

NOIVA
Antes de naceres.

NOIVO
Aparece o reflexo mamario.

NOIVA
Sabes o que fai a vida cos que aman a vida?

NOIVO
O feto abre os ollos.

NOIVA
Deféndete.

NOIVO
Practica o reflexo mamario.
Sorrí.

NOIVA
Mastiga a miña matriz

NOIVO
Encaixa na pelve da nai.

NOIVA
O intestino.

NOIVO
Vén ao mundo.

NOIVA
Os ósos.

NOIVO
O óvulo fecundade adhírese ao útero.

NOIVA
Fóra.

NOIVO
Establécense os caracteres do embrión.

NOIVA
Fóra de min.

NOIVO
O embrión adquire forma humana.

NOIVA
Enxértate no mundo.

NOIVO
O cerebro transmite mensaxes.

NOIVA
En nome da hixiene.

NOIVO
Aparece o reflexo mamario.

NOIVA
En nome da vida.

NOIVO
O feto abre os ollos.

NOIVA
Eu non son unha nai.

NOIVO
Sorrí.

NOIVA
A miña vulva reclama vermes.

NOIVO
Encaixa no ventre da nai.

NOIVA
Fungos.

NOIVO
Vén ao mundo.

NOIVA
Virus contra ti.

NOIVO
O óvulo fecundado adhírese ao mundo.

NOIVA
Non son unha muller.

NOIVO
Establécense os caracteres do embrión.

NOIVA
Non son unha nena.

NOIVO
O feto adquire forma humana.

NOIVA
Meu neno.

NOIVO
O cerebro transmite mensaxes.

NOIVA
Meu amor.

NOIVO
Aparece o reflexo mamario.

NOIVA
Afógote entre as coxas.

NOIVO
A pel vólvese rosada e lisa.

NOIVA
Despedázote.

NOIVO
O feto practica o reflexo mamario.

NOIVA
Célula a célula.

NOIVO
Reaxe aos estímulos externos.

NOIVA
Bico a bico.

NOIVO
Abre os ollos.

NOIVA
Fóra.

NOIVO
Sorrí.

NOIVA
Apaña a vida a dentadas.

NOIVO
Encaixa na pelve da nai.

NOIVA
Son a túa boneca.

NOIVO
Vén ao mundo.

NOIVA
Éncheme de vísceras.

Transición.

NOIVO
Pai enxendra a Adán.
Adán desobedece e Pai liquídao.
Antes de apodrecer
Adán enxendra tres fillos.
Un deles
Caín
desobedece
e Pai liquídao.
Despois Pai repara en Set
que ten moitos fillos.
Estes desobedecen e Pai liquídaos.
Noé sálvase e enxendra a Abraham.
Abraham obedece e enxendra a Isaac.
Pai proba a obediencia a Abraham pedíndolle que mate o fillo.
Abraham obedece e Pai perdoa a vida ao neno.
Isaac tamén obedece e enxendra a Xacob.
Xacob obedece e obedece
e enxendra a Xosé.
Xosé obedece, obedece e obedece
e Pai convérteo en modelo para os homes.
Mais os de Exipto desobedecen
e Pai
furioso
liquídaos.
Os que logran salvarse foxen para o deserto.
Pai reclama o xefe deles
Moisés
e dítalle as Leis dos Fillos.
E estes medran e poboan o mundo.
e desobedecen e desobedecen e desobedecen.
E Pai
desesperado
envíalles o propio fillo para lles servir de modelo
cravado nunha cruz.

Cuarto das momias.

Un cirio.

O Oficiante sae das sombras.

OFICIANTE
Para fuxir do Penido Vello temos que matar.
No Penido Vello non hai muros nin gardas, a non ser o mar que nos circunda.
O que é o Penido Vello non o sabemos, aínda que nacemos aquí, igual que nosos pais e nosos avós.
Nós propios ignoramos quen somos, estrañas criaturas con corpo de home e cabeza de animal.
Uns din que fomos homes; outros, que estamos en camiño de selo. O certo é que nacemos coa ansia de sermos homes, e para logralo temos que matar.
Os que tentan fuxir sen teren matado pérdense nas augas, fatalmente.
Hoxe mesmo apareceron na praia seis cadáveres con cabeza de oso e dous con cabeza de boi.
Ás veces non se trata de intentos de evasión, mais de crimes cometidos entre nós, ou de suicidios.
Quen soporta a vida ansiando matar e ignorando a identidade da vítima?
A quen temos que matar?, preguntamos.
Aos culpábeis da vosa monstruosidade.
No Penido Vello só moramos os monstros. U-los culpábeis?
Deses seres non sabemos nada. Nin sequera as lendas máis antigas nos desvelan a súa natureza.
Uns din que se logramos matalos, a cabeza de animal con que nacemos tórnase cabeza de home e así podemos fuxir deste inferno.
Outros aseguran que non hai seres culpábeis, senón sombras creadas pola nosa monstruosidade.
Con todo, algúns dos nosos lograron fuxir.

Entra a Noiva, seguida do Noivo.

OFICIANTE
Cada vez que isto acontece, o desespero prende nos que ficamos, e os crimes e os suicidios multiplícanse até o horror.
Isto sucede porque as nosas cabezas son incapaces de comprender.
Ou porque os nosos corpos son incapaces de actuar.
Só os que matan se converten en homes.
Por iso a guerra e a loucura son os signos da nosa raza.

O Oficiante retírase.

Pausa.

NOIVO
O sol e as cabezas dos mortos desvíanse para nos facer sitio.

NOIVA
Hai algunha entrada?

NOIVO
Non.

NOIVA
Por que camiñamos?

NOIVO
Olla para os nosos pés.

NOIVA
Están baleiros.

NOIVO
As nosas pegadas conxeladas.

NOIVA
Pasos minerais que sufrimos e pechamos.

NOIVO
Cada vez máis vivos.

NOIVA
Máis distantes.

NOIVO
Alén da cidade e das augas.

NOIVA
Do deserto.

NOIVO
Lembras a cidade?

NOIVA
Non.

NOIVO
O vento fainos sinais.

NOIVA
Xa levou a casa.

NOIVO
Si.

NOIVA
E as rúas e a xente.

NOIVO
Todo.

NOIVA
As nosas pegadas.

NOIVO
Todo.

NOIVA
Por que?

NOIVO
Lembras algo?

NOIVA
Non.

NOIVO
Repara na area.

NOIVA
Sinto que camiñei sen acougo.

NOIVO
En procura desta area.

NOIVA
Area con sombra de nenos.

NOIVO
Que máis?

NOIVA
Area que foxe.

NOIVO
E?

NOIVA
Non sei.

NOIVO
Pilla unha presa.

NOIVA
Sabe a roupa perdida.

NOIVO
Busca.

NOIVA
Teño medo.

NOIVO
Lembra.

NOIVA
E frío.

NOIVO
É cristal de nais.

NOIVA
Debúxame na area.

NOIVO
Viches o ceo?

NOIVA
Vexo os nosos rostros.

NOIVO
Que máis?

NOIVA
O noso retrato na area.

NOIVO
Ávido.

NOIVA
Si.

NOIVO
Cegado polo sol.

NOIVA
Que luz é esa?

NOIVO
Lembra.

NOIVA
Non podo.

NOIVO
O horizonte tamén se desvía.

NOIVA
Para facernos luz.

NOIVO
A luz sen carne.

NOIVA
Debúxame.

NOIVO
Lembra a casa.

NOIVA
Non hai casa.

NOIVO
Está escuro?

NOIVA
Hai alguén.

NOIVO
Quen?

NOIVA
Non sei.

NOIVO
Dúas sombras?

NOIVA
Vacío.

NOIVO
Olla á túa volta.

NOIVA
Casas, rúas, árbores, ti, eu.

NOIVO
Máis alá.

NOIVA
Ti, eu, ti, eu.

NOIVO
Grita.

Ela grita. El acompáñaa.

Silencio.

NOIVA
Non podo lembrar.

NOIVO
Escoita.

NOIVA
A miña cabeza é un espello.

NOIVO
Escoita.

NOIVA
O que?

NOIVO
Parou o vento.

NOIVA
Igual que as sombras.

NOIVO
Si.

NOIVA
O chan tórnase negro.

NOIVO
É o regreso do sol.

NOIVA
Ti velo?

NOIVO
O sol volta para cortar as nosas cabezas.

NOIVA
Miña nai contoume ese recordo.

NOIVO
Por fin.

NOIVA
Vou parir o noso fillo.

Soa o móbil do Noivo.

NOIVO
Si?

NOIVA
Si.

NOIVO
Diga.

NOIVA
Vou parir o noso fillo.

NOIVO
Diga.

NOIVA
Vou parir o noso fillo. Vou parir o noso fillo.

O Noivo sae. Ela vai atrás del.

Entran as Larvas, con ruído.

LARVA 1
Música.

LARVA 2
Alguén baila.

LARVA 1
E Alguén aborrece.

LARVA 2
E Alguén anóxase.

LARVA 1
E Alguén pégalle.

LARVA 2
E Alguén chora.

LARVA 1
E Alguén quere consolar a Alguén.

LARVA 2
E Alguén vaise.

LARVA 1
E Alguén procura a Alguén e pídelle perdón.

LARVA 2
E teñen un fillo.

LARVA 1
E chámanlle Alguén.

LARVA 2
E queren ensinarlle a tocar algo e a bailar.

LARVA 1
E Alguén só aprende a camiñar e a falar.

LARVA 2
E Alguén e Alguén divórcianse.

LARVA 1
E Alguén vaise polo mundo.

LARVA 2
E fala.

LARVA 1
E cansa.

LARVA 2
E sente morriña de Alguén e de Alguén.

LARVA 1
E vainos buscar.

LARVA 2
E camiña.

LARVA 1
E chora.

LARVA 2
E coas bágoas amasa un boneco de barro e xoga con el aos avións.

LARVA 1
E aborrece.

LARVA 2
E o boneco non di nada.

LARVA 1
E Alguén esnaquízao contra o chan.

LARVA 2
E vaise.

LARVA 1
E de camiño aprende a asubiar e a matar paxaros.

LARVA 2
E aborrece.

LARVA 1
E anóxase porque Alguén e Alguén non aparecen.

LARVA 2
E vai tomar algo.

LARVA 1
E ve a Alguén que está a tocar algo.

LARVA 2
E di mamá.

LARVA 1
E Alguén anóxase porque é papá.

LARVA 2
E Alguén vaise confesar.

LARVA 1
E o médico dille algo de Alguén e de Alguén.

LARVA 2
E Alguén asústase e sae a correr en procura de Alguén e de Alguén.

LARVA 1
E chega a un sitio e dinlle que non.

LARVA 2
E chega a outro sitio e non o hai.

LARVA 1
E alístase na Lexión.

LARVA 2
E medra e faise forte.

LARVA 1
E cando chega o fotógrafo lémbrase de Alguén e de Alguén e deserta.

LARVA 2
E exerce diversos oficios e os domingos sobe ao bico dos montes.

LARVA 1
E pinta paisaxes e ríos.

LARVA 2
E pinta unha casa.

LARVA 1
E como alí non moran Alguén e Alguén faise poeta.

LARVA 2
E é tan triste que acaba nun curruncho dun bar escoitando a Alguén tocar algo.

LARVA 1
E é tan triste que lle dan ganas de bailar.

LARVA 2
E é tan triste que a Alguén lle dá o riso.

LARVA 1
E a Alguén non lle importa porque está bébedo.

LARVA 2
E Alguén bótao do bar porque está bébedo.

LARVA 1
E Alguén maldí a Alguén e a Alguén.

LARVA 2
E acorda nun sitio onde o coidan.

LARVA 1
E cóidano tanto que Alguén foxe.

LARVA 2
E encóntrano noutro sitio cunha pistola no peto.

LARVA 1
E cando sae do cárcere vai ver unha de tiros.

LARVA 2
E soña que é o mao e cando está a piques de matar a Alguén e a Alguén Alguén mátao.

LARVA 1
E cando remata a película Alguén chama a Alguén e retiran o cadáver.

Transición

NOIVA
Son Medea?
Regresei á mesma praia?
Á mesma cidade?
Vós sodes fillos meus?
Homes mulleres nenos poetas médicos policías
Quen me coseu a vulva?
Un fillo cortoume as mans
outro coseume a vulva
outro degoloume
outro escuartexoume
outro comeume
E estou outravolta aquí.
No ventre dos meus fillos.
Tumor de nai.
Inferno.
Para sempre.

As Larvas mudaron os seus vestidos por outros de, respectivamente, home e muller.

LARVA 2
Desde que saín do hospital teño medo.

LARVA 1
Ti estiveches no hospital?

LARVA 2
Foi alí onde nos coñecemos, non te lembras?

LARVA 1
Non.

LARVA 2
Na hora do paseo íamos facer o amor detrás do mirto.

LARVA 1
Non lembro nada.

LARVA 2
Pasaron dous anos. Un día ti fuxiches, convertido en bolboreta.

LARVA 1
Unha das enfermeiras dicía que de sufrires moito convertíaste nun animal.

LARVA 2
Unha bolboreta non é un animal.

LARVA 1
Talvez non sufrín dabondo.

LARVA 2
Sempre chorabas despois das caricias.

LARVA 1
E ti, lograches fuxir?

LARVA 2
Non o sei, aínda me sinto unha muller.

LARVA 1
Arrecendes a mazá.

LARVA 2
Estou a me converter nunha mazá.

LARVA 1
Si.

LARVA 2
Por que?

LARVA 1
Eu non podo evitalo.

LARVA 2
Ti ámasme.

LARVA 1
Antes da noite serás unha mazá.

LARVA 2
E despois?

LARVA 1
Iremos cada un polo seu camiño.

LARVA 2
Eu non quero ser unha mazá.

LARVA 1
É inútil.

LARVA 2
Eu quero ser unha bolboreta.

LARVA 1
Para iso cómpre sufrir máis.

LARVA 2
Faime sufrir ti.

LARVA 1
Eu son unha bolboreta, non un home.

LARVA 2
Non me tortures.

LARVA 1
Non me ames.

LARVA 2
Posme medo.

LARVA 1
Cando chegue a noite xa non haberá medo.

LARVA 2
Nin amor.

LARVA 1
Nada.

LARVA 2
É horríbel.

LARVA 1
Por iso temos que separarnos.

LARVA 2
Non me deixes.

LARVA 1
Sóprame nas ás para que o vento me leve lonxe.

LARVA 2
Leva ti a miña pel.

LARVA 1
Adeus, meu amor.

LARVA 2
Sufrirei moito. Seremos felices.

A Noiva, como Medea, leva a enterrar os ósos dos seus fillos.

Procesión.

NOIVA
Muller cava na terra.
Tira o esqueleto do fillo.
Chora.
Fillo enxúgalle as bágoas.
Muller envólveo no mantelo e lévao para a casa.
Pola xanela entra o ar da mañá.
Muller sorrí para Fillo, que lambe unha cunca de leite.
Fillo dorme.
Muller deféndeo dos mortos, que veñen reclamar o seu conxénere.
Fillo descobre unha manchiña na palma da man.
Muller bícalla.
A mancha esténdese e viste a Fillo de carne.
Primeira comuñón.
Pasan dous anxos nun automóbil sen ruído.
Fillo acénalles coa man e é arrastrado cara a eles.
Muller agarra a Fillo con todas as súas forzas.
O automóbil pérdese nas nubes.
Unha sombra uniformada peta na porta.
Muller lévalle de comer e de beber.
A sombra agarda.
Muller ofrécelle o sangue dos seus peitos.
A sombra agarda.
Muller abre o ventre ateigado de nenos disecados.
A sombra agarda.
Fillo a brincar no cuarto.
Muller bícao.
Arrólao até que adormece.
Envólveo no mantelo e vaino enterrar.

A comitiva desaparece.

Pausa.

OFICIANTE
Animal / Vacío foi asasinado polo amor, que el propio creara para non estar só. Tempo andado, estando o amor a brincar, cavou un furado na terra e meteuse nel. A terra ficou preñada e pariu a primeira criatura visíbel. Por iso tivo que procurarlle un nome, e foi Uranos, que significa O Recordo. Os anos pasaron e Uranos non daba esquecido o crime do pai, que o fixera visíbel entre os deuses. Conque unha noite foi ao seu cuarto e cortoulle a cabeza. Despois arrastrou o cadáver para fóra e deitouse coa nai. Ela deulle moitos fillos, mais Uranos retíñaos no ventre da muller, sen lles deixar ver a luz, por medo a que o matasen, igual que fixera el co seu proxenitor. Un deses fillos, chamado Cronos, agardou unha noite a que o pai viñese copular coa nai e cortoulle os xenitais cunha fouce. Xa libre, Cronos casou con Rea, a irmá, que pariu numerosos fillos. Con todo, o pai comíaos ao naceren, pois Uranos, antes de morrer profetizáralle que el tamén sería morto por un fillo. E así aconteceu. Cando pariu a Zeus, Rea envolveu unha pedra cun lenzo, deulla a comer a Cronos e despois agachou o neno nunha cova. Ao medrar, Zeus foi en procura do pai e sepultouno no inferno. De alí a un tempo presentouse na casa Prometeo, que fora desherdado por Zeus, matou o pai dos deuses e inventou os homes. O primeiro deles foi Edipo, que matou o pai e se deitou coa nai. O segundo foi Hamlet, que soñou a morte do pai e foi copular coa nai no inferno. O derradeiro foi o orfo Ahab, que afundiu na miña cabeza abrazado ao Animal.

Pausa.

As larvas confésanse.


LARVA 2
Cando era neno, acolá, en Tebas, a cidade onde nos estableceramos, procedentes de Centro-Europa, debido a un ascenso na carreira militar de meu pai, obriguei a miña nai a instruírme nas artes do amor, xa que as criadas da casa non daban atendido as miñas fantasías infantís. Estas só as colmaron as delicias do leito materno, gozadas con tal cobiza que o regreso para a miña alcoba se me revelaba con brutalidade de parto.

LARVA 1
Nacín co cu cara ao mundo, que é sinal de intelixencia, e despois de fracasar, como Deus manda, no intento de liquidar os meus pais, unha profesora e dous médicos, decidín liquidar o teorema cristián do paraíso, aplicado nas nosas latitudes polo xeneral Franco.

LARVA 2
Uns anos despois, debido a un novo ascenso de meu pai, trasladeime coa familia para o castelo de Elsinor, en Dinamarca, e alí fixen que el, meu pai, me adestrase nas artes da guerra, xa que a meu irmán xemelgo, o príncipe Indeciso, non lle reinaba o oficio, en tanto para min a guerra e o amor eran dúas formas de vivir, isto é, de morrer, tan vistosas, tan familiares... Andando o tempo abandonei os encontros con miña nai e concentrei os esforzos en superar a meu pai no manexo do florete. El cedía gostoso ás miñas ansias, e polas noites, despois da cea, entregábamonos a inesquecíbeis xornadas de esgrima.

LARVA1
Entón presentóuseme a sombra xudaica de Marx e anuncioume a instauración dun paraíso na Terra, un lugar onde non habería conflitos nin miserias, pois logo de varrer as clases sociais, a harmonía universal varrería os restos de maldade que os homes precisan para descubriren que só hai un paraíso: o que cada un logra apañar aniquilando os seus conxéneres, isto é, o rabaño que Karl, o Bo Pastor, trataba de guiar.

LARVA 2
Até que un día logrei vencelo. Entón a imaxe do mestre co meu florete atravesado na gorxa deu en se me presentar en soños con tal furia que fuxín para o monte, onde morei durante anos, evitando así que a terríbel visión se fixese certa.

LARVA 1
Así, de pecador adolescente pasei a asasino confeso. Con todo, vendo que os meus crimes eran meras secrecións mentais, abracei con desespero os evanxeos anarquistas, que me causaron unha fonda decepción, pois o paraíso que eles arelaban era La Place de La Concorde ateigada de burgueses mortos, ou sexa de redundancias.

LARVA 2
Alí souben que a miña nai se suicidara, non podendo soportar a miña ausencia, e que meu irmán, o poeta, se fixera matar nunha comedia con mortos a esgalla.

LARVA 1
Conque, trastornado polo fracaso, deime á disección de xardíns públicos e ao estudo dos restos humanos que por eles transitaban, con tal paixón que afociñei nas raíces do inferno.

LARVA 2
De meu pai dixeron que dera en torturarse con culpas infundadas até o extremo de borrar o mundo arrancando os propios ollos. Conque eu, orfo e ceibe, boteime aos camiños de deus, transitados por innúmeros exércitos cos que marchei sobre cada paisaxe do Continente das Mil e Unha Guerras, que deberon ser máis, porque antes de arrasarmos unha cidade eu xa lembraba as ruínas a que fora reducida en campañas anteriores. E aínda así ningún campo de batalla acolleu o meu cadáver.

LARVA 1
Entón aparecéuseme o espectro do Dr. Freud, tamén xudeu, e antes de que eu puidese reaxir viroume de asasino en psicópata, trasladando o inferno para o interior do meu cranio, e ofrecéndome deseguido, como esixe o canon do bo pai, o camiño ao paraíso que todos os homes desexan, o útero materno, lugar tamén exento de conflitos e perigos a que eu podía acceder a través da estupidez ou do suicidio.

LARVA 2
De maneira que unha noite agachei as armas e o uniforme debaixo dunha pedra e fuxín en procura dun sitio para vivir, ou sexa, para morrer, vindo dar a esta terra extrema do Occidente onde din que morren os camiños e a memoria. Aquí continuei a amar e a matar, seguindo os preceptos familiares e, ao cabo, morrín.

LARVA 1
E foi tal a urxencia da escolla que errei o camiño, internándome na vulva dunha enfermeira alcumada Reineta, e por ela fun expulsado do paraíso, digo, da realidade, ingresando, agora de cabeza, no clube poético local.

LARVA 2
Con todo, a morea de mortos que deixei nos patios foi tan grande que ninguén puido acreditar na miña morte. Por iso os moradores destas terras chámanme O Señor, e fan o sinal da cruz cando me ven pasar, e as mulleres que atraio para a alcoba xuran sentir por min un desexo feroz, paralizante.

LARVA 1
E cando, abertas por fin as veas do brazo, me dispuña a copiar cen veces coa cálida tinta "os paraísos son inventos para castigar os nenos", chegou a Democracia, tan aburrida como o propio paraíso, e tan mamá que acabou convertendo o suicida no anxiño que anda a aloumiñar a pistola de papá, ansioso de rebentar os propios fillos, pois eles son o seu paraíso, o seu inferno.

LARVA 2
Aquí son feliz. De cando en vez sinto a chamada de Transilvania, a terra onde nacín, mais como hei deixar esta outra Terra Xenerosa, pronta sempre a se entregar aos mortos?

A Noiva, axeonllada na area.

O Noivo, a falar polo móbil.


NOIVA
Que a vida é clausurada e preciso enxendrar unha criatura cega, allea á culpa, tocada pola graza do crime, polo fel da humanidade, esgarro da propia pel, cruz dos pulmóns, cera da lingua, nó do sangue, campá do ventre, río dos ósos, mármore do alento, fume dos ollos, febre das mans, oco do seme, riso dos xenes, baba dos nervios, dos gritos, das palabras, eco, tortura, eco, tortura, eco, tortura, eco, tortura, eco, tortura, eco, tortura, eco, tortura, .

Pausa.

As Larvas, coas súas confidencias.


LARVA 1
Soñei que enxendraba no ventre de miña nai para que ela me volvese parir e a vida fose outra cousa.

LARVA 2
O soño tivo lugar uns días antes de morrer meu pai.

LARVA 1
A tarde que o enterraron saín a correr do cemiterio para me despedir da miña nai, que ficara soa na casa.

LARVA 2
Ao entrar no seu cuarto atopeina na cama, rodeada de fotos familiares.

LARVA 1
Abraceina, e ela rompeu a chorar, reclamando os tempos da felicidade, que foran os tempos da miña crianza.

LARVA 2
Ao facer eu os nove anos, ela internárame nun colexio do estranxeiro para que recibise unha educación que o noso país non me podía ofrecer.

LARVA 1
Isto afundiuna nunha soidade da que nunca deu saído, e a min nun odio tamén sen saída.

LARVA 2
A meu pai aborrecíao tanto como a miña nai, pois mesmo estaba ausente durante as vacacións escolares, debido ás súas obrigas profesionais.

LARVA 1
O día que o enterraron chorei de rabia por non lle poder dicir canto o odiaba, canto o necesitaba.

LARVA 2
Ao saír do cemiterio voltei a correr para a casa, ansioso por non perder tamén a miña nai.

LARVA 1
Antes de petar na porta do seu cuarto pensei en marchar sen despedirme.

LARVA 2
Mais eu xa era outro.

LARVA 1
Acariciei a miña nai sen medo, sen alma.

LARVA 2
Ela confesoume que levaba vinte anos ansiando o meu regreso, e adormeceu nos meus brazos.

LARVA 1
Nunca máis despertou.

LARVA 2
Como non amar a criatura que enxendrei?

Pausa.

As Larvas espían.


NOIVO
Xa que non podo crear un monstro, pois que todo o que nace de min é humano, arranco da memoria os propios restos, do ventre materno, dos brazos dos fillos, apaño os propios restos polas rúas, arrástroos para fóra das casas, para fóra do ar, desentérroos do sangue, gárdome con eles debaixo do medo, seméntoos no frío, inxértoos en todas as doenzas, disolvo os propios restos no semen do universo e nace a Criatura, salvaxe, viva contra a vida, contra todas as formas de vida que os homes ousades negar.

O Noivo retírase.

As Larvas, no seu exilio.


LARVA 1
Queres ser o animal.

LARVA 2
O animal que Deus soñou.

LARVA 1
Non hai tal forza.

LARVA 2
Tes medo?

LARVA 1
De ti.

LARVA 2
Achégate.

LARVA 1
Non podo voar.

LARVA 2
Óllame desde a pel.

LARVA 1
Retira a cinza que a cobre.

LARVA 2
Non é cinza. Son as miñas mans a descansar.

LARVA 1
Son ás.

LARVA 2
Que é o que queres?

LARVA 1
As mans.

LARVA 2
Teño cen mans.

LARVA 1
Cen ocos.

LARVA 2
Achégate.

LARVA 1
Non son un anxo.

LARVA 2
Veste nos meus ollos?

LARVA 1
Por que partiches o espello?

LARVA 2
Non vexo nada.

LARVA 1
Ti e eu.

LARVA 2
Dúas criaturas en cruz.

LARVA 1
Unha tesoira.

LARVA 2
Non querías amor?

LARVA 1
Por que partiches o espello?

LARVA 2
Unha mañá acordei cuberto de cinza.

LARVA 1
As miñas mans cortadas.

LARVA 2
E partín o espello.

LARVA 1
As miñas mans.

LARVA 2
E respirei pola ferida.

LARVA 1
E eu?

LARVA 2
Oxalá foses un coitelo.

LARVA 1
Entregaríaste á miña voracidade?

LARVA 2
Cando me neguei?

LARVA 1
Xa non teño forzas.

LARVA 2
Os dous nacemos sen forzas.

LARVA 1
Por iso soñamos.

LARVA 2
Con tesoiras, con flores brancas, con neve.

LARVA 1
Contigo.

LARVA 2
Cóntame o Gran Soño.

LARVA 1
Ti deitado nunha mesa branca e eu a cortar as túas mans.

LARVA 2
E niso, acordas.

LARVA 1
E volvo comezar.

LARVA 2
Sóñao outra vez.

LARVA 1
Cortei cen mortes para ti.

LARVA 2
Soña.

LARVA 1
Cen noites comestas da neve.

LARVA 2
Escoita.

LARVA 1
É el.

LARVA 2
Quen latexa debaixo do sudario?

LARVA 1
O animal.

LARVA 2
O animal branco.

LARVA 1
Deitado nunha mesa branca.

LARVA 2
Sen mans.

LARVA 1
Desexas o animal.

LARVA 2
Volta para a noite.

LARVA 1
Ficaría presa no xeo.

LARVA 2
Precisas máis proba de amor?

LARVA 1
A proba son eu.

LARVA 2
Queres que te mate?

LARVA 1
Xa é tarde.

LARVA 2
Estamos no comezo.

LARVA 1
Voltamos para o comezo, como os mortos.

LARVA 2
Devólveme o soño.

LARVA 1
Entra en min.

LARVA 2
O Gran Soño.

LARVA 1
Serás unha carne nova.

LARVA 2
Serei teu fillo.

LARVA 1
Tes medo?

LARVA 2
Frío.

LARVA 1
Eis a primeira caricia.

LARVA 2
Frío de ti.

LARVA 1
Amor.

Pausa.

A Noiva no espello.


NOIVA
Nena de inverno, ti, non. Non cerva a aloumiñar o ventre, non cadela a acochar as mamas, non lontra a ensoñar o niño, non bolboreta a finxirse placenta, non serpe a encantar os ovos, non ninfa a zugar o seme, non muller a arrolar a vulva, non vella a avivecer o útero, non mártir a rir no paritorio, non deusa a sangrar contra o ceo. Nena de inverno, ti, non. Aínda é decembro. Aproveita os dons do inverno para extirpar o tumor: frío, sombras, febre, suicidio. Fortalécete. Medra até que o sangue non sexa preciso, antes do sol chegar e acudiren as moscas para sinalar o teu fillo.

O Oficiante toca a campaíña.

Ao final, cadaquén ocupará o seu lugar entre os Mortos.


NOIVO
Aínda restan uns minutos de noite, tempo de abondo para mudar a pel.

Afrouxa o lazo e séntase.

Tira unha petaca da que bebe sen pracer.


Ficarei calado, a ollar como nace o día, e despois irei durmir a bebedeira.
Tempo de abondo para liquidar esta botella.
Mañá coñecerei a alguén que beberá toda a noite até borrar a merda da boca.
E pouco antes do mencer el tamén irá durmir.
E cando volva a noite sairá en procura doutro imbécil que lle ature a vomitada.
Uns minutos de vidro para nos disolver.
Ou para nos disfrazar.
Os restos da noite son o meu reino, conquistado trago a trago.

LARVA 2
Non fago os sinais da vida. Brazos, pernas ao axexo, a cabeza en parálise dan idea mineral. Repara nas outras mutilacións que me inflixiches: carne, futuro, xestos a repetir dentes contra a noite, mans abertas e pechadas, ollos a branquear as rúas, cabeza-esfinxe, corpo para se ocultar. A criatura que afastas co pé son eu.

NOIVA
Criaturas debaixo dos pés. E restos de vós. E pegadas de fetos. E moscas. E fungos desde a raíz. E po de boca até a alma. E burla de cada día. E noite. E eu perdida.

LARVA 1
Frío e tortura sen luz. Os espellos abortan. A desorde dos corpos é miña. Dou contigo ao morrer a tarde. Guíndaste da xanela para te librares do horror.

NOIVO
Zugaremos deste veleno até ficar sen voz.
Deitarémonos panza arriba e contaremos as luces das xanelas.
Diremos que nos molesta a roupa ou que temos frío.
Un falará dunha puta ou doutra puta.
O máis covarde dirá que a cidade cheira.
Despois voltaremos cada un para o seu nicho.
E durmiremos até a parálise.
Durmir, en tanto os demais abortan.

NOIVA
Atopastes o corpo?

LARVA 2
O meu corpo confúndese con terra, accidentes do camiño. Recoñezo a túa figura ao lonxe. Ousas uns pasos para descubrirme e a paisaxe tórnase area. Succiónote para o fondo. Vomitas coa vertixe. Gritas o meu nome e xa non estou. Respiro coas criaturas do po. E a máis horríbel delas é a miña sombra.

LARVA 1
O día pecha os ollos. Non te enganes. Non es a vertixe nin a carne. A vida íspese de ti. Escolle entre loucura e conxelación. No se inventou máis nada.

NOIVA
Atopastes o corpo?

NOIVO
Acordar sen memoria.
Erguerse, lavarse, cargar a pistola, saír para a rúa.
Escoller alguén que queira morrer.
Suplicarlle que che ensine a matar.

LARVA 1
Non entendo os teus gritos.

LARVA 2
Acompaño a túa caída con lóstregos e rosas.

NOIVA
Atopastes o corpo?

LARVA 1
Arráncoche a pel do cranio. Fágoche un sitio na caluga para os ollos. Así sabes quen son.

LARVA 2
Só temo o día. A luz e a calor danme vida e entón non me ves. Agárraste ás raíces e a cinza que desprenden lávache os ollos. Imposíbel non recoñecerme. Non son a criatura negra, malia a cruz do meu lombo alertar do perigo. Non son a pedra en que bates nin o animal que observa a túa descomposición. Olla para dentro e para fóra do abismo. Todo o que levas visto, mesmo o golpe contra o fondo son eu.

NOIVA
El e vós facede circo. Eu xa cumprín zugándolle o sangue no canellón dos poetas. Non máis respirar. Nacer en vós. Non máis burla. Non máis vida.

NOIVO
O compañeiro que escollo tamén me escolle a min.
E bebemos nos parques, polas rúas, até que o mar nos corta o paso.
El leva na man unha Browning sen estrear.
Cae no chan coa bebedeira e négase a continuar.
Eu póñolle a pistola na cabeza.
E non disparo.

LARVA 2
Alén do fondo, eu. Milenios a agardar. Mineral por coito coa terra. Mármore das vísceras. Contaxio da vida. Regresas fiel á túa obra: pasos repetidos, tic-tac de corazóns, vaivén de ventres, parto, parálise.

NOIVO
Por que non mato?
Todo o que está vivo mata.
Todas as noites bato en alguén e vólvome para matalo.
E non o mato.

LARVA 1
Veño de fóra dos homes para durmir na túa pel. Desde a primeira noite. Mañá regresarei ao frío.

NOIVA
Non máis burla.

LARVA 2
Non me oculto. Incubo un espello cada noite. Cólgoo na porta para espantar os homes. Acoden sombras sen ventre. Os nenos enferman.

NOIVO
E á noite seguinte repito a tortura.
O corpo pídeme matar e eu tortúroo.
Con alcol, con insomnio, cun día máis.
O crime é a única saída do mundo.
Por que non disparo?

Paralízase.

NOIVA
Non máis vida.

LARVA 2
Coas poucas forzas que me restan arranco a carne pegada no espello. Es ti, a latexar.

LARVA 1
Agora abenzoa a miña man.

LARVA 2
Despréndote cun golpe dos dedos.

LARVA 1
O coitelo.

LARVA 2
Bates nas paredes do pozo.

LARVA 1
O salto ao vacío é inútil.

LARVA 2
En cada pedra deixas un brillo de anxo.

LARVA 1
O esquecemento, o sono.

LARVA 2
O ceo invértese para acollelo.

LARVA 1
A morte non se inventou.

LARVA 2
Agardo.

LARVA 1
Esfólote igual que a primeira vez.

LARVA 2
Tempo-voda co crime.

LARVA 1
Péchome na túa pel.

LARVA 2
Mal e ben de toda criatura.

LARVA 1
Respiro.

Paralízase.

LARVA 2
Por que choras?

Paralízase.

NOIVA
Ride, irmáns. O futuro é o meu ano comesto dos pallasos.

Paralízase.

OFICIANTE
Isto sucede porque as nosas cabezas son incapaces de comprender.
Ou porque os nosos corpos son incapaces de actuar.
Só os que matan se converten en homes.
Por iso a guerra e a loucura son os signos da nosa raza.

Paralízase.

 

 

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega